Sunday 05 de May de 2024

Axentes de viaxes alemáns visitan Galicia para coñecer de primeira man o produto da España verde “Bodegas y palacios”


O turoperador alemán Schlosser Reisen e representantes das axencias de viaxes da súa rede de distribución visitaron esta fin de semana Galicia co obxectivo de promover este pioneiro produto

O turoperador alemán Schlosser Reisen e representantes das axencias de viaxes da súa rede de distribución visitaron esta fin de semana Galicia co obxectivo de promover o itinerario temático ‘Bodegas y palacios’.

A España Verde puxo en marcha neste ano este pioneiro produto que percorre o norte do noso país en torno á súa historia, a través da visita aos seus pazos señoriais, e a cultura enograstronómica, mediante á visitas as principais bodegas de viño.

Esta acción enmárcase, deste xeito, no plan de accións da España Verde, o convenio interrexional do que Galicia forma parte xunto con Asturias, Cantabria e o País Vasco.

Schlosser Reisen é o primeiro operador que lanzou en Europa esta experiencia coa que se pretende incentivar a creación de paquetes turísticos enfocados a un público de alto nivel que combinen visitas e aloxamentos de prestixio.

O obxectivo da viaxe é dar a coñecer de primeira man aos seus axentes este produto para apoiar a súa comercialización e aumentar, así, os viaxeiros e pernoitas do mercado alemán na nosa comunidade.

Mercado alemán
O mercado alemán incrementou un 24% tanto a súa cifra de viaxeiros aloxados coma as súas pernoitas na nosa comunidade nos sete primeiros meses deste ano en relación ao mesmo período do 2014.

Con máis de 77.000 viaxeiros e preto de 110.000 pernoitas, o mercado alemán representa o 11,3% do total de turistas internacionais que recibiu Galicia no que vai de ano.

Deste xeito, Alemaña consolidouse neste ano como o segundo mercado en orde de importancia por detrás de Portugal .